A Filla: Mólanme os libros, respecto a natureza e gústame compartir.

A Nai: Non esquezo que eu tamén levo unha nena en min.

venres, 10 de xaneiro de 2014

AS GAFAS DA MAMAI

Un dos agasallos que recibiu mamá o día de Reis foron unhas gafas, pero non unhas calquera, estas son especiais, case máxicas. Agora explico o por que.
O conto dou comezo fai algo máis dun ano, cando nosa nai se decata que lle custa enfiar a agulla pero como o de coser non é o seu pasaba bastante desapercibido.
Sempre presumiu dunha vista perfecta e agora empeza a ter algún que outro problemiña sen importancia, disque son cousas da idade.
Logo de recomendármoslle que se fose mirar e de ela repetir: 
- dentro dun mes ou dous, deixade que asenten as dioptrías.
Acabou indo.
Por suposto, dixéronlle que tiña que poñer gafas para ler e ver de cerca.
Pero non as mercou, volveu para a casa repetindo que xa iría dentro dun mes ou dous.
Ultimamente papá lémbrallo máis a miúdo e ela contesta:
- Tes razón, teño que ir...
Os Reis Magos apiadáronse e trouxéronlle unhas gafas feitas a man, a ver se entendía a indirecta. E tamén un vale dunha óptica.
Gustáronlle tanto as gafas de arame!

Agora dicímoslle: 
- Tes que ir a óptica co vale que che trouxeron os Reis.
- Para que vou ir mercar outras gafas, xa me trouxeron unhas. Grazas por recordarme que as poña.
Pon as gafas e segue a ler. 
Entón Joao mófase e dille:
- Abuelita, abuelita...
Pareces unha abuelita.
Confiamos que o feito de tratala de avoa a faga reaccionar.
Están tan chulas que llas collemos para facer teatro. Enfurécese con nós e grita:
- Nenos, deixade as miñas gafas, que lle ides romper os cristais.
Dínolo tan seria que durante uns segundos soltamos as gafas e paramos de xogar. Partímonos de risa.
Pois así están as cousas con esta muller, ela que presume de educar co exemplo.
Será posible! Co importante que é a vista!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Anímate a dicirme algo: