A Filla: Mólanme os libros, respecto a natureza e gústame compartir.

A Nai: Non esquezo que eu tamén levo unha nena en min.

venres, 24 de xaneiro de 2014

ANGELES

Hoxe veu recollernos papá ao cole e díxonos que na casa había unha sorpresa. 
Joao, que non sei que sorpresa imaxinou, non lle deu importancia ao ver que tiñamos unha invitada a comer pero eu, que sei ler na cara de mamá, sabía o que para ela significaba esa visita. Tanto é así que marchei ao cuarto, quitei o chándal e puxen a roupa máis nova e bonita que teño para demostrarlle o importante que era para a familia tela na casa.
Mentres comiamos espaguetis explicáronnos que estiveron xuntas na escola e no instituto e que compartiron piso cando estudaron na universidade. A Joao encántalle que mamá lle conte unha e outra vez cousas da súa nenez. A min tamén.
Eu xa sabía que Ángeles era a mellor amiga da mamai.
Dime que sempre presumiu dela dicindo que tiña unha amizade moi aberta e do seu tempo e que agora que ten nenos edúcaos conscientemente dun xeito moi parecido a como foi educada ela, con grandes doses de cariño, pouca protección e deixando a vida rodar.

Di mamá:

A amiga da alma, a que probablemente te coñeza mellor ca ti, aquela coa que compartistes as experiencias máis apaixonantes, divertidas ou estrafalarias, as da derradeira etapa da infancia, as da xuventude recén estreada, cando aínda cres que vas ser sempre así, sentíndote a dona do destino, con quen vivistes a primeira vez en miles de situacións que logo co tempo xa non acreditas.
A mellor amiga, o compartimento reservado a unha irmá, unha filla, unha nai, aquela persoa coa que o espazo tempo deixa de ter relevancia, as tempadas sen verse non borran nin un mínimo de relación, a que configura a estrutura do querer. 
Quen lle puidera ofrecer un manto protector para que nada perturbe a súa felicidade.
Un tesouro dentro do corazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Anímate a dicirme algo: