A Filla: Mólanme os libros, respecto a natureza e gústame compartir.

A Nai: Non esquezo que eu tamén levo unha nena en min.

xoves, 5 de decembro de 2013

NON SON PERFECTA

Publicado por: A NAI
http://barbara-fiore.com/index.php/libros-archivos/no-soy-perfecta/

Todas e todos sabemos que as veces as cousas saen ben e outras mal, e que?
Non pasa nada, xa estamos acostumados a levar algún que outro revés no día a día.
De tres anos a esta parte teño a impresión de que enfío ao revés, o meu inconsciente tende a pensar que non me sae unha puntada ao dereito, cousa que toco cousa que se destrúe, a nivel consciente sei perfectamente que non é así o conto, que hai moitos temas dos que saio airosa, que aquelo que non foi como eu esperaba debeuse a causas externas e circunstanciais, nada tiña que ver coa miña vontade ou iniciativa.
A sociedade actual pretende esixir de nós que sexamos uns triunfadores, os primeiros en todo, que academos o cumio antes que ninguén, unhas super mulleres e homes arrebatadoras cunha interesantísima vida da que presumir.
Pero, a quen queremos enganar?
Todas e todos sabemos que se triunfas nunha faceta será por dedicarlle esforzo a conta de deixar outras descoidadas.
Entón, que dicirlles ás nenas e nenos ao respecto?
Debemos educalos para ser uns campións? ou irlles ensinando que a vida é imperfecta e que as veces as cousas saen ben e outras tantas saen mal?
A positividade está moi ben pero... ata caer na mentira?
Xa tendemos a ser competitivos de seu para que ademais se nos impoña que o termo vivir é sinónimo de competitividade.
Cando vexo unha carreira, por poñer un caso, e como se lle aplaude a quen gaña, non me resisto a pensar en todos aqueles que quedaron por debaixo do primeiro, que son o resto da humanidade.
Premiamos a un ante moitos.
Faise necesario que aparezan as palabras adecuadas que definan correctamente que non existe o mellor e o peor.
Non, igual non o sei transmitir correctamente, pero gustaríame que os meus cativos coñeceran desde xa que a busca da felicidade non vai por eses carreiros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Anímate a dicirme algo: