A Filla: Mólanme os libros, respecto a natureza e gústame compartir.

A Nai: Non esquezo que eu tamén levo unha nena en min.

luns, 22 de agosto de 2011

CHAPARRITAS

A pasada noite espertei de madrugada porque tiven un pesadelo e non podía durmir, así que chamei por mamá. Ela contoume un conto e tranquiliceime. Era tan bonito que o vou escribir, é un pouco longo, así que pedirei axuda.
CHAPARRITAS

É a historia dunhas zapatillas moi coquetas chamadas Chaparritas. Eran tan presumidas que non podían saír á rúa sen peitear os cabelos e pintar os beizos.

Chaparritas eran desas zapatillas de dedo que se usan no verán pero non penses que se trata dunhas chanclas de praia calquera, que deixamos tiradas por aí, non, estas eran moi fermosas e tanto valían para ir á praia coma para saír de festa.

Eran do número 32, iso significa que as usaba unha nena e xa se sabe que aos rapaces axiña lles medra o pé, por tanto, solo pasaba un ano con cada dona, ao verán seguinte acostumaban a regalalas a outra persoa porque eran tan elegantes e conservábanse tan novas que ninguén se atrevía a tirar con elas.

Chaparritas, ao contrario de outro calzado que está desexando descansar, morrían de tristura cando ao rematar o verán as gardaban nun armario xunto con outros zapatos escangallados e cheirentos. Idearon que para entretérense no inverno farían vídeos de todo o que viran cando saían de paseo, así non se lles facía tan aburrido o longo tempo de espera ata que as collesen outra vez.

Pero nin as pelis conseguían facer desaparecer o medo de que algún día se esqueceran delas e tiveran que quedar tiradas nun deses caixóns de zapateiro, onde os zapatos teñen que estar todos encollidos.

Este ano a sorte estivo da súa parte e a pesares de que a rapariga que as poñía deu un estirón que case nin a coñecía cando as recuperou do armario, andaba por alí de vacacións unha muller grande de idade pero de talla pequena. En canto as viu quedou totalmente fascinada por elas e a nena regaloullas.

Cando Chaparritas viron que se dirixían a un aeroporto non as tiñan todas consigo, polo menos onde vivían estaban seguras de que todos os anos había verán, fose máis ou menos curto, pero a lo menos, algo podían saír. E si a onde ían chovía e nevaba sen parar? Que xa oíran pola televisión que lugares así tamén existían.

Os seus temores non se cumpriron, a muller vivía nun sitio onde case todo o ano facía bo tempo. E a sorpresa que levaron cando se decataron de que aquela señora non medraba e sempre as mantiña preto, pois era tal aquel apego que lles tiña ás súas zapatillas de dedo que ata as veces se quedaba durmida con elas postas.

Chaparritas seguen andando por esas terras, tan cheas de felicidade que en vez  de camiñar parece que bailan.
Conto contado, conto marratado.

Logo do conto quedei durmida pero ao pouco tocoulle ao meu irmán, non souben que lle pasaba, solo sei que pola mañá miña nai non estaba de bo humor, non paraba de queixarse do sono que tiña, menos mal que se me ocorreu rescatar o conto das Chaparritas pois me parece que a ela non lle funcionaba moi ben a cabeza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Anímate a dicirme algo: